Conservación e mantemento de estradas

A conservación e o mantemento do dominio público viario comprende as actividades necesarias para preservar o estado dos seus bens e manter a vialidade da rede de estradas (artigo 33.2 Lei 8/2013 de estradas de Galicia).

Unha das funcións máis relevantes na xestión de rede de estradas, e como parte final de todo o proceso de xénese das infraestruturas (estudo, planificación e construción), é a preservación do patrimonio viario e o mantemento do servizo.

As tarefas de conservación e mantemento do dominio público e da vialidade pódense desglosar nas seguintes actividades:

  • Actividades de conservación ordinaria: destinadas a atrasar o proceso de degradación das características funcionais ou estruturais dos elementos da estrada.
  • Actividades de conservación extraordinaria: para poñer en situación inicial as características dos elementos da estrada ou mellorar o estándar inicial.
  • Actividades de vialidade: para permitir a circulación en condicións adecuadas de seguridade e fluidez, como pode ser a retirada de obstáculos, sinalizar situacións ocasionais de perigo, facilitarlles información ás persoas usuarias...

Administracións responsables

A conservación e o mantemento do dominio público viario da Rede Autonómica de Estradas de Galicia, incluída a realización das tarefas para mantemento da vialidade nelas, corresponde á Xunta de Galicia, que as leva a cabo a través da Axencia Galega de Infraestruturas.

Corresponderá aos concellos a conservación e o mantemento dos elementos que, estando situados no dominio público viario, non formen parte da estrada nin dos seus elementos funcionais e lles sirvan a aqueles para exercer as súas competencias (artigo 33.7 da Lei 8/2013 de estradas de Galicia), como, por exemplo, axardinamento, abastecemento, evacuación e depuración de auga, alumeado público das travesías, recollida de residuos e transporte público.

Conservación ordinaria e vialidade

Actualmente, as tarefas de conservación ordinaria e mantemento da vialidade da Rede Autonómica de Estradas de Galicia son realizadas pola Axencia Galega de Infraestruturas mediante un sistema mixto que combina a realización de determinadas actividades con medios propios con contratos con empresas externas.

Nesta ligazón pode coñecer información máis detallada da organización destes traballos:

En particular, as tarefas de vialidade invernal son as especificamente destinadas a manter a vialidade na rede viaria no caso de neve ou xeo. Na seguinte ligazón pode conseguir información relativa ao Plan de vialidade invernal da Rede de Estradas de Galicia: 

Conservación extraordinaria

Nesta ligazón poderá obter información relativa ás actuacións de conservación extraordinaria na Rede Autonómica de Estradas de Galicia: 

Un caso particular de actuación de conservación extraordinaria é o da xestión dos muros e noiros da Rede Autonómica de Estradas de Galicia, sobre a que se pode consultar máis información na seguinte ligazón: