O Consello da Xunta aprobou en data 31 de agosto de 2023 a Estratexia de Dixitalización e Innovación en materia de estradas de Galicia, que recolle as actuacións que ten previsto desenvolver neses campos a Axencia Galega de Infraestruturas.
Para a xestión das actuacións que se realizan sobre a Rede Autonómica de Estradas de Galicia (RAEG), a Axencia Galega de Infraestruturas dispón de diferentes aplicacións e programas informáticos que xestionan diversos datos e parámetros sobre as características, estado e operacións nos diferentes elementos da estrada e das accións e actividades que se realizan sobre ela.
Para abordar a integración dos datos e sistemas relacionados coa RAEG desde a Axencia Galega de Infraestruturas, en coordinación coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, impulsouse un plan estratéxico de modernización e mellora dos sistemas de información que ten por obxecto dar resposta ás necesidades en xestión integral da Rede Autonómica de Estradas en Galicia, e que se fundamenta nos seguintes obxectivos xerais:
- Organizar e adecuar de forma eficiente os recursos tanto tecnolóxicos como humanos implicados na xestión da Rede Autonómica de Estradas en Galicia.
- Ampliar, centralizar e unificar toda a información vinculada coa xestión da Rede Autonómica de Estradas en Galicia.
- Potenciar a dixitalización e consulta da información a través de medios electrónicos e desde calquera punto.
- Facilitar a coordinación entre os profesionais dos diferentes organismos e áreas que interveñen na xestión da RAEG.
Este plan de sistemas permitirá ademais poñer ao dispor dos cidadáns gran cantidade de información estruturada, tanto de interese xeral (datos das estradas, zonas de dominio público e de protección da estrada, liñas límite de edificación, datos de tráfico, sinistralidade…) como particular (estado de tramitación de expedientes de autorización, sanción, expropiacións…), mellorando a transparencia, aforrando custos e tempos de xestión ás persoas e optimizando os recursos da administración.
- Estratexia de Dixitalización e Innovación en materia de Estradas de Galicia (aprobada o 31/08/2023)