Plans de sendas
A Xunta de Galicia leva máis dunha década executando infraestruturas destinadas en exclusiva ao tráfico de ciclistas e de peóns para fomentar a mobilidade sostible e mellorar a seguridade nos seus desprazamentos.
As primeiras infraestruturas ciclistas acometidas centráronse en eixos viarios moi utilizados por peóns e ciclistas, nos que se realizaron máis de 40 km destas infraestruturas entre 2009 e 2013.
Estratexia en materia de mobilidade alternativa de Galicia
Entre 2013 e 2015 a Axencia Galega de Infraestruturas redactou a Estratexia en materia de mobilidade alternativa de Galicia (coñecido como Plan de sendas), que constituíu o documento a partir do cal se definiron as prioridades de investimento nesta materia e que serviu de base para a execución de sendas para uso de ciclistas e peóns en estradas de titularidade autonómica. Os seus obxectivos enmarcáronse nos definidos no Plan de seguridade viaria de Galicia 2016-2020 e aliñáronse cos establecidos pola Unión Europea no marco da súa estratexia para un desenvolvemento sostible (PO FEDER 14-20) e tamén no Plan Estratéxico 2015-2020 de Galicia.
Nesta ligazón pode obterse información detallada sobre a Estratexia en materia de mobilidade alternativa de Galicia e sobre os plans comarcais redactados para o seu desenvolvemento:
Estratexia para a implantación de sendas peonís e/ou ciclistas na contorna metropolitana das principais cidades de Galicia
No ano 2021 a Axencia Galega de Infraestruturas redactou a Estratexia para a implantación de sendas peonís e/ou ciclistas na contorna metropolitana das principais cidades de Galicia, da cal están en fase de execución varias actuacións.
Na seguinte ligazón pode consultar información máis detallada desta estratexia:
Plan de sendas na Rede Autonómica de Estradas de Galicia
En 2024 a Axencia Galega de Infraestruturas realizou unha revisión e actualización da planificación en materia de infraestruturas para fomento da mobilidade sostible e redactou o Plan de sendas na Rede Autonómica de Estradas de Galicia. Este plan constituirá a folla de ruta para a execución de sendas para uso de peóns e ciclistas non deportivos nos vindeiros anos.
A través da seguinte ligazón pode accederse á información sobre novo Plan de sendas na Rede Autonómica de Estradas de Galicia: