Estratexia en materia de mobilidade alternativa de Galicia

Áreas comarcais e fases
Áreas comarcais e fases

Entre 2013 e 2015 a Axencia Galega de Infraestruturas redactou a Estratexia en materia de mobilidade alternativa de Galicia (coñecida coloquialmente como Plan de sendas), que constituíu o documento a partir do cal se definiron as prioridades de investimento nesta materia e que serviu de base para a execución de sendas para uso de ciclistas e peóns en estradas de titularidade autonómica.

Finalidade

Trátase dunha iniciativa que aliña os obxectivos establecidos pola Unión Europea no marco da súa estratexia para un desenvolvemento sostible, que no ámbito da mobilidade persegue o desenvolvemento duns sistemas de transporte que reduzan ao mínimo as repercusións sobre o medio ambiente e os seus impactos sociais e económicos, coas posibilidades que abre a nova Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, de optimizar o espazo viario para permitir non só o fluxo de vehículos, senón tamén para complementalo coa posibilidade de dotalo dun espazo para a circulación peonil e ciclista.

O fomento dos modos non motorizados alternativos ao coche constitúe a liña prioritaria de traballo para acadar estes obxectivos, sendo o peón e a bicicleta os actores fundamentais do cambio necesario da mobilidade cara a pautas de maior sostibilidade, tanto no ámbito urbano coma no interurbano. Preténdese que os modos non motorizados constitúan unha peza esencial no sistema de transportes á que hai que dotar das condicións adecuadas, así como integrar de maneira eficaz co resto de modos.

Os fins que se buscan na Estratexia en materia de mobilidade alternativa en Galicia son os seguintes:

  • Favorecer a transición a unha economía baixa en carbono en todos os sectores.
  • Fomento de estratexias de redución do carbono para todo tipo de territorio, especialmente as zonas urbanas, incluído o fomento da mobilidade urbana multimodal sostible e as medidas de adaptación con efecto de mitigación.
  • Medidas de apoio ao desenvolvemento da mobilidade urbana e interurbana sostible: mediante sendas ciclistas e peonís.

Proceso

A elaboración da Estratexia en materia de mobilidade alternativa de Galicia iniciouse coa realización dunha análise multicriterio das comarcas do territorio galego mediante a cal se identificaron as zonas nas que resultaba máis probable conseguir o cumprimento dos obxectivos da Unión Europea.

As variables consideradas na análise multicriterio foron: 

  • Localización xeográfica de estradas autonómicas: conexión entre os distintos núcleos de poboación e os servizos, equipamentos, dotacións etc., que se identifican nas súas proximidades. 
  • Características particulares das estradas (intensidade media diaria de tráfico, sinistralidade viaria): considérase prioritario actuar naquelas zonas nas que, ademais de existir unha demanda potencial de dotación de infraestruturas que posibiliten o desprazamento a pé da poboación, as estradas a través das cales se realizan estes desprazamentos teñan intensidades de circulación de vehículos relativamente elevadas, xa que nestas zonas a problemática, tanto ambiental como de seguridade, será maior. 
  • Poboación, valorando o maior número de potenciais usuarios das sendas. 
  • Integración ambiental: aspectos ambientais, ecolóxicos e patrimoniais que poidan verse afectados pola execución dunha nova infraestrutura. 
  • Mobilidade alternativa actual: valorando se a demanda existente está cuberta ou se a oferta deste tipo de infraestruturas é insuficiente ou é preciso dotar a zona de novas sendas, así como a conectividade con redes ou itinerarios existentes de sendas peonís ou ciclistas. 
  • Facilidade de implantación:
    • Existencia de espazo suficiente como parte do dominio público da estrada. 
    • Orografía do terreo (pendentes, tipo de chan etc.).
    • Posible necesidade de execución de obras complementarias (muros, pasarelas etc.). 

Como resultado desta análise, ordenáronse as áreas comarcais que conforman a Comunidade Autónoma de Galicia establecendo unha orde de prelación e seleccionáronse, nunha primeira fase, as sete (7) áreas comarcais que obtiveron unha maior puntuación (A Coruña, Ferrol, O Salnés, Vigo, Santiago de Compostela, Bergantiños e A Terra Chá), e nunha segunda fase as catro (4) áreas comarcais seguintes (Pontevedra, Ourense, Lugo e O Morrazo). 

Para definir as actuacións para acometer en cada unha destas once (11) áreas comarcais desenvolvéronse documentos de estratexias en materia de mobilidade alternativa a nivel local, coñecidos como Plans de sendas comarcais. Estas 11 estratexias atópanse aprobadas e desenvolvidas parcialmente a través de actuacións concretas. 

Ademais, redactáronse outras sete (7) estratexias comarcais (terceira fase) en materia de mobilidade alternativa que se atopan pendentes de aprobación (Noia, Barbanza, Terra de Lemos, Sarria, O Baixo Miño, O Condado, Deza).

No plano anexo amósanse as comarcas nas que se teñen redactado as anteditas estratexias.

Resultados

No conxunto das 11 estratexias comarcais que se chegaron a aprobar, recollíanse, con diferentes niveis de prioridade, un total de 408,7 km de sendas peonís e ciclistas, dos cales se executaron xa 120,4 km, un 29,5% do total.

No gráfico anexo "Resultados de execución das estratexias comarcais" amósase a desagregación das lonxitudes executadas e pendentes para cada unha desas estratexias comarcais.

Debe terse en conta que parte das estratexias comarcais tamén analizaron e propuxeron actuacións nos termos municipais limítrofes cos da propia comarca que era obxecto da estratexia. Por ese motivo, nalgunha estratexia pode executarse unha lonxitude de sendas superior á executada, estritamente, nos termos municipais que compoñen a comarca correspondente.

Excellence in Road Safety Awards

A Estratexia en materia de mobilidade alternativa de Galicia (Plan de sendas), promovida pola Axencia Galega de Infraestruturas, resultou premiada na edición de 2024 dos Excellence in Road Safety Awards, dentro da categoría de seguridade viaria para peóns e ciclistas. 

Estes premios recoñecen, anualmente, e desde 2006, as mellores iniciativas implantadas polos membros da Carta Europea de Seguridade Viaria (ERSC), destacando proxectos innovadores e efectivos en diversas categorías, como educación viaria, seguridade de usuarios vulnerables (peóns e ciclistas) ou innovación tecnolóxica, entre outros. 

A Carta Europea de Seguridade Viaria (ERSC) é unha comunidade de máis de 4.000 entidades e individuos promovida pola Comisión Europea en 2004, co obxectivo de involucrar a organizacións, empresas e cidadáns na mellora da seguridade viaria en Europa e máis aló. Deste xeito, preténdese fomentar a implementación de accións concretan que reduzan ou minimicen os accidentes de tráfico e sensibilicen sobre o seu impacto.

Documentos relacionados