Estratexia para a implantación de sendas na contorna metropolitana das principais cidades de Galicia
En 2021 a Axencia Galega de Infraestruturas redactou a Estratexia para a implantación de sendas peonís e/ou ciclistas na contorna metropolitana das principais cidades de Galicia, da cal están en fase de execución varias actuacións.
Obxectivos
Esta estratexia ten como principal obxectivo o fomento dos desprazamentos non motorizados na contorna metropolitana das principais cidades de Galicia, e, desta forma, contribuír a que as principais cidades de Galicia implanten Zonas de Baixas Emisións, tal e como lles esixe a Lei 7/2021, do 7 de maio, de cambio climático e transición enerxética.
A Estratexia para a implantación de sendas peonís e/o ciclistas enmárcase na contorna metropolitana das principais cidades de Galicia, que son sete (7):
- A Coruña, Ferrol e Santiago de Compostela, na provincia da Coruña
- Lugo, na provincia de Lugo
- Ourense, na provincia de Ourense
- Pontevedra e Vigo, na provincia de Pontevedra
Coas actuacións que se propoñen na estratexia búscase abordar un novo tratamento da mobilidade e a accesibilidade universal que favoreza contornas máis habitables e cun menor impacto ambiental.
Proceso
Como paso previo á definición das actuacións estudouse a mobilidade en cada ámbito e na súa contorna. Para iso, analizouse:
- A demanda: factores determinantes como poboación, equipamentos, distribución espacial de usos, fluxos, intensidades etc., estudando os principais equipamentos nodais como:
- Equipamentos sanitarios e asistenciais (escolas infantís, residencias de anciáns, centros ocupacionais e albergues...)
- Áreas residenciais: os núcleos de poboación son importantes focos de atracción, xa que son a orixe e/ou fin da maioría das viaxes potenciais
- Áreas de traballo (polígonos industriais e parques empresariais)
- Áreas comerciais
- Equipamentos docentes
- Equipamentos deportivos
- Outros centros de atracción (relixiosos, culturais, recreativos, de lecer...)
- A oferta existente: rede peonil e ciclista existente, infraestruturas de servizos para o transporte público e privado, intercambiadores etc.
- O impacto e as externalidades provocadas polas infraestruturas de transporte: seguridade, contaminación, ruído, efecto barreira, conxestión circulatoria etc.
Unha vez realizada esta análise definíronse as propostas de actuación, que buscan satisfacer as necesidades identificadas no punto anterior e á súa vez promover os seguintes criterios:
- Xerar proximidade entre os usos do chan da cidade
- Favorecer o intercambio modal
- Potenciar a conectividade entre itinerarios e entre elementos clave da trama urbana como equipamentos deportivos, culturais, administrativos, comerciais, parques e zonas verdes, e co transporte público
- Dar cobertura a unha parte importante da poboación, mellorando a permeabilidade da cidade e eliminando barreiras artificiais como as xeradas polas principais infraestruturas de transporte
- Integrar coa rede de mobilidade peonil e ciclista existente ou prevista
- Integrar a rede de mobilidade non motorizada co sistema de espazos verdes e equipamentos
Documentos relacionados
- Estratexia para a implantación de sendas peonís e/ou ciclistas na contorna metropolitana das principais cidades de Galicia