Vialidade invernal
As tarefas de vialidade invernal son as destinadas a manter a vialidade na rede viaria no caso de neve ou xeo.
Os traballos para o mantemento da vialidade na Rede de Estradas de Galicia durante o período invernal son realizadas pola Axencia Galega de Infraestruturas mediante os seguintes axentes: servizos de infraestruturas de cada provincia, contratos de conservación ordinaria e mantemento e concesionarias das vías de alta capacidade en réxime de concesión.
Atendendo ás súas condicións climatolóxicas, no ámbito territorial da Rede de Estradas de Galicia considéranse períodos de vialidade invernal os seguintes, segundo a provincia da que se trate:
- Lugo e Ourense: do 1 novembro ao 30 de abril (6 meses)
- A Coruña: do 15 de novembro ao 15 de abril (5 meses)
- Pontevedra: do 15 de novembro ao 15 de marzo (4 meses)
As principais tarefas que se levan a cabo para o mantemento da vialidade invernal son as seguintes:
- Vixilancia en vialidade invernal: no período de vialidade invernal recibiranse diariamente as previsións do Instituto Meteorolóxico ou do Servizo de Emerxencias 112, coas previsións a tres días da cota de cero graos, da cota de neve e as temperaturas máximas e mínimas previstas, con obxecto de prever a execución de posibles tratamentos preventivos.
- Provisión de fundentes: dispoñerase de provisión de fundentes en distintos puntos, así coma de medios para a súa carga nos camións en cantidade suficiente de acordo co estudo previo que se efectuará antes da campaña de vialidade invernal.
- Tratamentos preventivos: coñecido o risco de inclemencia meteorolóxica, procederase á execución dun tratamento preventivo, consistente no estendido de fundentes mediante camión con saleiro ou salmoira nas zonas onde se prevexa a aparición de fenómenos adversos. Este percorrido realizarase á hora adecuada en función dos datos dispoñibles e o seu percorrido será fixado con antelación dependendo do nivel de servizo mínimo a conseguir en cada tramo.
- Tratamentos curativos: consistirán na eliminación de neve e xeo e extensión de fundentes, cando se produza a acumulación destes.
- Parte diario de vialidade invernal.
Na imaxe anexa poden consultarse os centros operativos e os puntos nos que se realiza a reserva de fundentes, desde os que se levan a cabo as tarefas de vialidade invernal da Rede Autonómica de Estradas de Galicia.