Conservación ordinaria e vialidade
As actividades de conservación ordinaria da estrada son as destinadas a atrasar o proceso de degradación das características funcionais ou estruturais dos seus elementos. As actividades de vialidade teñen por obxecto permitir a circulación en condicións adecuadas de seguridade e fluidez.
As tarefas de conservación ordinaria e mantemento da vialidade da Rede Autonómica de Estradas de Galicia (RAEG) son realizadas pola Axencia Galega de Infraestruturas a través dos seguintes medios:
1. As respectivas sociedades concesionarias, no caso das estradas explotadas en réxime de concesión:
- Autoestrada de peaxe AG-55 A Coruña-Carballo
- Autoestrada de peaxe AG-57 Vigo-Baiona
- Autovía Dozón-Ourense e ramal ao Carballiño (AG-53 e AG-54)
- Autovía da Costa da Morte (AG-55), entre Carballo e Baio, e vía para automóbiles Baio-Santa Irena (VG-1.5)
2. Contratos de conservación ordinaria e vialidade invernal, para o resto da Rede Autonómica de Estradas de Galicia. Para a mellor xestión das operacións, a RAEG tense dividido en 7 zonas de conservación, cada unha delas obxecto dun contrato determinado:
- A Coruña Norte
- A Coruña Sur
- Lugo Norte
- Lugo Sur
- Ourense
- Pontevedra Norte
- Pontevedra Sur
3. Un contrato específico para as actuacións de conservación en obras de paso (pontes, viadutos, pasos superiores e inferiores,...) en estradas que non son explotadas en réxime de concesión.
4. Medios propios dos servizos provinciais da Axencia Galega de Infraestruturas
Na seguinte imaxe, anexa á dereita, sinálanse as estradas que son explotadas por sociedades concesionarias e as 7 zonas nas que se ten dividido o territorio de Galicia para a mellor xestión da conservación da rede viaria de titularidade autonómica:
No caso dos contratos de conservación ordinaria e vialidade invernal, os traballos a executar estrutúranse nos seguintes grupos, en función das operacións a realizar:
- Grupo I: operacións de vixilancia, emerxencia e urxencia; de axuda á vialidade e de conservación ordinaria de baixo alcance. Comprende:
- Vixilancia sistemática ou esporádica: percorrido periódico de toda a rede a conservar, co obxecto de inventariar defectos, incidencias, estados de conservación dos elementos, labores a realizar etc.
- Emerxencias e urxencias: a atención a accidentes e todas aquelas operacións que sexan necesarias para atender emerxencias e urxencias de tal maneira que queden garantidas as condicións normais de vialidade da estrada, para a circulación e a seguridade da mesma.
- Vialidade invernal: tratamento preventivo ou curativo antixeo, retirada de xeo ou neve.
- Labores sistemáticos de conservación ordinaria, entre os que se poden destacar a prevención de deterioracións en firmes mediante inspeccións ou auscultación; a limpeza periódica das estradas, dos elementos da rede de drenaxe e da sinalización e balizamento; tala e/ou poda de árbores na zona de dominio público e na zona de servidume da estrada no caso de que afecten á seguridade viaria.
- Implantación, seguimento e actualización dos sistemas de xestión da conservación.
- Grupo II: operacións de conservación non programadas e mantemento. Incorpora aqueles materiais e medios auxiliares necesarios para completar algunha das actividades desenvolvidas polo Grupo I, e cuxo custo non está incluído na devandita partida. Trátase de operacións de reposición inmediata (a realizar de modo xeral entre 24 horas e 5 días despois de detectada a necesidade) e non programables, ou tamén melloras evolutivas da rede: cunetas, sendas, accesibilidade, pluviais, mellora de interseccións etc. Comprende, de xeito resumido:
- Reparación dos danos causados á estrada por accidentes.
- Colocación puntual, reposición ou reparación de sistemas de contención, de elementos de sinalización ou balizamento.
- Colocación puntual, reposición ou reparación de elementos da rede de drenaxe.
- Colocación puntual, reposición ou reparación de valos de cerramento.
- Colocación puntual, reposición ou reparación de beirarrúas.
- Reparación puntual de fochancas.
- Tratamento e xestión de restos de animais por xestor autorizado.
- Xestión e eventual retirada dos residuos de calquera tipo depositados na zona de dominio público da estrada.
- Grupo III: operacións de conservación ordinaria programadas e extraordinarias de rehabilitación e mellora de certos elementos da estrada en niveis de calidade próximos aos máximos desexables, en función do tipo de estrada. Comprende:
- Limpeza da calzada e reparación de danos.
- Saneamento preventivo e estabilización de noiros con perigo de derrubamento.
- Reparación de defectos superficiais ou estruturais do pavimento.
- Reparación de muros, estribos e aletas.
- Segado periódico e tratamento da vexetación en marxes da estrada.
- Limpeza e reperfilado de cunetas.
- Reposición, reparación programada e mantemento de xuntas de dilatación en taboleiros.
- Pintado ou repintado de marcas viarias.