Protección das marxes das estradas

Compártao :

Compartir

Zona de dominio público

Segundo a lexislación de estradas de Galicia, o dominio público viario das estradas de titularidade da Comunidade Autónoma de Galicia está constituído por:

  • As estradas de titularidade da Comunidade Autónoma.
  • Os terreos ocupados polos elementos funcionais das devanditas estradas, así como as construcións e instalacións existentes neles.
  • As zonas de dominio público adxacentes ás estradas de titularidade da Comunidade Autónoma.

A zona de dominio público está integrada polos terreos ocupados por todos os elementos do dominio público viario adquiridos por título lexítimo pola Comunidade Autónoma de Galicia.

En todo caso, a extensión máxima da zona de dominio público está limitada, segundo a lexislación de estradas de Galicia, ás seguintes distancias dende a aresta exterior da explanación, aínda que a zona expropiada sexa maior:

  • 15 m no caso de autovías, autoestradas e vías para automóbiles
  • 10 m no caso de estradas convencionais e elementos funcionais

Zonas de protección da estrada

Para a protección do dominio público viario e a debida prestación do servizo público viario, ademais da zona de dominio público, a lexislación de estradas de Galicia establece (agás nos treitos urbanos) as zonas de protección da estrada denominadas de servidume e de afección.

A Lei 8/2013, do 28 de xuño, de Estradas de Galicia e o Regulamento Xeral de Estradas de Galicia detallan as dimensións destas zonas de protección da estrada, os usos permitidos, autorizables e prohibidos en cada zona, o réxime de solicitude de títulos habilitantes (autorizacións ou declaracións responsables, segundo o caso) para a execución de obras e instalacións ou a realización de actividades nas distintas zonas, e as medidas das que dispón a administración titular da estrada para a protección da legalidade viaria.

Así, a zona de servidume está formada por dúas franxas de terreo, unha a cada beira da estrada, adxacentes á zona de dominio público e que se estenden, dende ela, as seguintes distancias, medidas dende o borde exterior daquela:

  • 10 m no caso de autovías, autoestradas e vías para automóbiles
  • 2 m no caso de estradas convencionais e elementos funcionais

Pola súa parte, a zona de afección tamén está formada por dúas franxas de terreo, unha a cada beira da estrada, adxacentes á zona de servidume e que se estenden, dende ela, as seguintes distancias, medidas dende o borde exterior da zona de dominio público:

  • 100 m no caso de autovías, autoestradas e vías para automóbiles
  • 30 m no caso de estradas convencionais e elementos funcionais

Protección das estradas nos treitos urbanos

A lexislación de estradas de Galicia conta con mecanismos que permiten, en solo clasificado como urbano ou de núcleo rural, unha satisfactoria coordinación entre o planeamento urbanístico e a protección das marxes das estradas autonómicas mediante o recoñecemento dos denominados treitos urbanos.

Considérase treito urbano dunha estrada aquel que discorre por solo clasificado polo correspondente instrumento de planeamento urbanístico como urbano ou de núcleo rural cando, neste último caso, conte con aliñacións marcadas no antedito instrumento e aquel fose sometido a informe favorable, conforme a esa lei, pola administración titular da estrada.

Por outro lado, nos treitos urbanos das estradas non se establecen nin zonas de protección da estrada nin liña límite de edificación.

En consecuencia, a ordenación detallada das marxes da estrada, nos treitos urbanos, queda regulada só polo correspondente instrumento de planeamento urbanístico, sen que lle sexan aplicables as condicións de ordenación que veñen derivadas, con carácter xeral, da lexislación sectorial en materia de estradas.

Na práctica iso supón, entre outras consecuencias, que a ordenación da situación das construcións, instalacións ou edificacións que nas marxes das estradas, con carácter xeral, regularía a liña límite de edificación, nos seus treitos urbanos sería asumida directamente polo correspondente instrumento de planeamento urbanístico, a través das aliñacións de edificación que este establezan nel.

O Regulamento Xeral de Estradas de Galicia regula o procedemento para o recoñecemento e delimitación de treitos urbanos nas estradas autonómicas.

Liña límite de edificación

Para a protección do dominio público viario e a debida prestación do servizo público viario, a lexislación de estradas de Galicia establece unha liña límite de edificación nas marxes das estradas, fóra dos seus treitos urbanos. As distancias xerais á que se sitúa esa liña límite de edificación, medida dende o borde das calzadas das estradas e dos seus elementos funcionais, son as seguintes:

  • 50 m no caso de autoestradas, autovías e vías para automóbiles.
  • 15 m no caso de estradas convencionais pertencentes á rede estruturante, á rede complementaria ou sen ningunha categoría funcional asignada.
  • 7 m no caso de estradas convencionais pertencentes á rede local e de elementos funcionais.

No suposto de que as anteditas distancias queden incluídas dentro da zona de dominio público ou da zona de servidume, a liña límite de edificación establecerase na liña límite exterior da zona de servidume.

Redución excepcional da liña límite de edificación

A lexislación de estradas de Galicia establece a posibilidade de que a administración titular das estradas tramite expedientes para a redución excepcional das distancias xerais establecidas para a liña límite de edificación, fóra dos treitos urbanos, sempre que quede garantida a ordenación das marxes da estrada, o adecuado control dos seus accesos e a seguridade viaria, cando nunha estrada, ou en treitos concretos dela, as características do lugar fagan extraordinariamente dificultoso respectar as distancias sinaladas. 

No seguinte enlace pódese consultar máis información sobre ese tipo de expedientes e sobre os tramitados ata o momento.

Esbozo dos instrumentos de defensa da estrada

No esbozo que se inclúe nesta páxina aparecen representados, para un caso xeral, todos os instrumentos de defensa da estrada. Isto é: a zona de dominio público, as zonas de protección e o trazado da liña límite de edificación.