Preguntas frecuentes

Compártao :

Compartir

Como se computa o prazo de 24 horas?

O cmputo das 24 horas empeza a contar desde o momento no que se paga o percorrido de ida. O vehículo dotado de dispositivo de telepeaxe Vía-T debe pasar pola estación de peaxe de destino no prazo máximo de 24 horas desde o pago do percorrido de ida.

Cantos dispositivos de telepeaxe Vía-T se poden asociar a unha mesma familia numerosa?

Unicamente se poderá asociar un dispositivo de telepeaxe Vía-T por cada familia numerosa excepto nos seguintes casos, que se poderán asociar dous:

  • Familia numerosa integrada por pais divorciados a condición de que se acompañe ao formulario do alta a resolución xudicial de custodia compartida ou, no seu caso, resolución xudicial na que se declare o deber de prestación de alimentos.
  • Familia numerosa de categoría especial, sempre que se acredite tal condición ao cubrir o formulario de alta.
É imprescindible levar correctamente colocado o dispositivo de telepeaxe Vía-T nun soporte para obter os descontos?

Si. Para identificar correctamente o traxecto percorrido polo usuario é imprescindible que o dispositivo de telepeaxe Vía-T sexa correctamente lido no punto de entrada da autoestrada, así como na estación de peaxe. Así mesmo, é imprescindible que a persoa usuaria empregue un dispositivo de telepeaxe Vía-T en vigor e en condicións plenamente operativas para facer efectivo o importe da peaxe, é dicir, que teña saldo.

A persoa usuaria debe levar sempre instalado no vehículo o dispositivo de telepeaxe Vía-T, desde o momento no que accede á autoestrada ata que sae dela, mediante o uso dun sistema de fixación (ancoraxe) para telepeaxe e respectar a velocidade máxima establecida para a área da praia de peaxe.

Se a persoa usuaria non leva correctamente instalado o dispositivo Vía-T e non se produce unha lectura válida, non se aplicará o desconto.

 
Podo levar o dispositivo de telepeaxe Vía-T noutro sitio que non sexa o parabrisas?

Non, o dispositivo de telepeaxe Vía-T debe estar colocado no parabrisas do teu vehículo de acordo coas instrucións facilitadas polo emisor, permanecendo sempre colocado no seu soporte.

De non ser así, a comunicación entre a antena e o dispositivo pode non chegar a realizarse, polo que a barreira non se abrirá e o desconto non se aplicará.

Teño un dispositivo de telepeaxe Vía-T e cando chego á peaxe non funciona

No adecuado funcionamento do dispositivo de telepeaxe Vía-T intervén directamente a conduta do usuario de tal forma que dispoñer dun sistema de telepeaxe en vigor é condición necesaria pero non suficiente para a súa operatividade, sendo ademais necesario a súa correcta colocación e disposición no vehículo para a súa lectura e posterior xestión do cobro da peaxe.

Así mesmo, é indispensable que se respecte a velocidade máxima permitida para a praia de peaxe.

Se se chega a unha estación de peaxe e o dispositivo de telepeaxe Vía-T non funciona correctamente o desconto non se aplicará.

  1. Comprobe que o dispositivo de telepeaxe Vía-T non está caducado e ten saldo dispoñible.
  2. Comprobe que a colocación do dispositivo de telepeaxe Vía-T no vehículo é a correcta.
  3. Confirme que respecta a velocidade máxima establecida para a área da praia de peaxe.
  4. Se segue sen funcionar, diríxase á entidade emisora para explicarlle o seu caso.
 
Se se realiza unha viaxe de ida pola AG-55 ou a AG-57 con telepeaxe e na viaxe de volta, ao chegar á estación de peaxe, a persoa usuaria dáse conta de que non levaba o Vía-T no vehículo, ten dereito ao desconto?

Non. Para beneficiarse das bonificacións é requisito indispensable que o sistema de pago e control de paso empregado polo usuario en todos os seus traxectos polas autoestradas AG-55 e AG-57 sexa o dispositivo dispositivo de telepeaxe Vía-T, o cal debe estar en vigor e en condicións plenamente operativas para facer efectivo o importe da peaxe.

 

Se se dispón dun dispositivo de telepeaxe Vía-T e se realiza o traxecto de ida e volta cun vehículo lixeiro, pero se paga en efectivo un dos desprazamentos, tense dereito ao desconto?

Non. Para a aplicación da bonificación de ida e volta en menos de 24 horas é requisito indispensable abonar o desprazamento de ida, así como o de volta mediante o emprego dun dispositivo de telepeaxe Vía-T.

 

Como podo visualizar a aplicación dos descontos na miña conta bancaria?

O dispositivo de telepeaxe Vía-T é un medio de pago. A persoa usuaria poderá visualizar o importe facturado a través da canle de comunicación habitual coa súa entidade emisora do dispositivo de telepeaxe Vía-T.

 

Que podo facer se considero que me realizaron un cargo incorrecto?

Debe enviar un correo electrónico ao Servizo de Atención ao Cliente de Autoestradas de Galicia (atencionalcliente@autoestradas.com), indicando o número completo da dispositivo de telepeaxe Vía-T (consta de 16 díxitos ou 19 díxitos), a matrícula do vehículo co que se realizou o tránsito e a data do traxecto motivo da reclamación. 

En caso de non dispoñer do número no dispositivo, diríxase á entidade onde o adquiriu para que poidan facilitarllo.

Como obteño un dispositivo de telepeaxe Vía-T?

Podes contratar o servizo Vía-T e adquirir o dispositivo de telepeaxe en calquera das entidades emisoras (listaxe completa en www.viat.es). 

Conduzo un vehículo e teño un dispositivo de telepeaxe Via-T, pero paguei o meu percorrido en efectivo ou con tarxeta, devolveranme o diñeiro do desconto?

Non. Para poder beneficiarse da bonificación é requisito indispensable circular pola autoestrada cun vehículo e que este pase cun dispositivo de telepeaxe Vía-T pola estación de peaxe.

Se abona a peaxe con diñeiro en efectivo ou tarxeta non poderá beneficiarse das bonificacións.

Consulte máis información sobre o uso do dispositivo de telepeaxe Vía-T.