Á Axencia Galega de Infraestruturas correspóndelle o exercicio das funcións que establece o Decreto 173/2011 (modificado polo Decreto 165/2015, polo Decreto 37/2017, polo Decreto 66/2021 e polo Decreto 29/2023). Estas son as máis salientables:
- A elaboración de directrices de coordinación e planificación que garantan a coherencia e funcionalidade das infraestruturas viarias de titularidade da comunidade autónoma.
- A emisión de informe nos procedementos de aprobación, modificación ou revisión dos instrumentos de ordenación do territorio e dos instrumentos de ordenación urbanística que afecten directamente algunha estrada de titularidade autonómica
- A redacción de propostas de normativa e instrucións técnicas e administrativas para as estradas de titularidade autonómica, provincial e municipal.
- A elaboración, seguimento, supervisión, control e aprobación técnica da planificación operativa dos instrumentos previstos na normativa de ordenación do territorio, así como dos estudos informativos, de impacto ambiental, anteproxectos e proxectos en materia de estradas.
- A elaboración dos plans, programas de actuación e orzamentos e o seu control e axuste, en relación coas infraestruturas incluídas no ámbito de competencias propio da axencia.
- A xestión dos expedientes expropiatorios necesarios para a construción ou o establecemento das infraestruturas relativas a materias da súa competencia.
- A xestión e tramitación de expedientes de contratación administrativa en materias incluídas no ámbito das súas competencias.
- A redacción de estudos, anteproxectos ou proxectos e a coordinación, xestión e control da construción das infraestruturas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia, e as súas incidencias, por conta propia ou por encomenda á Sociedade Pública de Investimentos de Galicia, S.A.
- O estudo e o desenvolvemento de novas técnicas de realización de estradas.
- O inventario, a explotación, conservación e sinalización das estradas e servizos complementarios na zona de dominio público das estradas.
- A resolución de expedientes de responsabilidade patrimonial no ámbito das súas competencias.
- A xestión de autorizacións administrativas en materia de instalacións de servizo e concesións de áreas de servizo na área de influencia das estradas de titularidade autonómica.
- A xestión de vías de alta capacidade realizadas baixo a modalidade de concesión de obra pública ou xestión directa, así como o seguimento e coordinación xeral dos procesos asociados para a construción, conservación e explotación desta ao longo do período concesional.
- A xestión e tramitación de expedientes de subvencións en materias incluídas no ámbito das súas competencias.
- A elaboración e tramitación de convenios de cooperación con entes públicos e de colaboración con particulares no marco das competencias atribuídas á axencia.
- A xestión de expedientes sancionadores por comisión de infraccións tipificadas na normativa de estradas.
- O impulso, promoción e coordinación das estratexias de seguridade viaria coas distintas administracións públicas implicadas na materia.
- A conservación, o mantemento e a explotación do treito Alto de Santo Domingo-A52 (AG-53 e AG-54) da autoestrada entre Santiago de Compostela e Ourense.
- Aqueloutras que, non estando incluídas nos puntos anteriores, lle sexan atribuídas pola normativa vixente, así como as que, dentro do seu ámbito competencial, lle sexan asignadas ou delegadas.
A Axencia Galega de Infraestruturas poderá ademais planificar, proxectar, construír, conservar e explotar outras infraestruturas distintas das estradas que conforman a RAEG, en virtude das encomendas ou encargas que reciba dos órganos ou entidades competentes.