Estratexias de seguridade viaria
A Axencia Galega de Infraestruturas conta con cadansúa estratexia para actuar nos Treitos de Concentración de Accidentes (TCAs) e nos Treitos de Alto Potencial de Mellora (TAPM) da Rede Autonómica de Estradas de Galicia.
Estratexia de actuación en Treitos de Concentración de Accidentes 2021 (TCAs)
A Axencia Galega de Infraestruturas aprobou en maio de 2024 a “Estratexia de actuación en Treitos de Concentración de Accidentes 2021 (TCAs)”, a desenvolver no marco do Plan de seguridade viaria 2022-2025, co obxecto de eliminar os Treitos de Concentración de Accidentes identificados nas estradas autonómicas.
Identifícanse como Treitos de Concentración de Accidentes da Rede Autonómica de Estradas de Galicia aqueles, de como mínimo un quilómetro de lonxitude, nos que tanto o índice de perigosidade (calculado como a relación entre o número de accidentes con vítimas e o volume de tráfico) como o número bruto de accidentes con vítimas superan, nos últimos 5 anos, un certo limiar preestablecido.
A partir dos Treitos de Concentración de Accidentes rexistrados no ano 2021, realizouse un estudo pormenorizado das causas dos accidentes que se produciron neles, analizado individualmente, para identificar potenciais medidas para reducir o risco de accidente.
Esta “Estratexia de actuación en Treitos de Concentración de Accidentes 2021 (TCAs)” permitirá á Axencia Galega de Infraestruturas actuar de forma planificada nos Treitos de Concentración de Accidentes da Rede Autonómica de Estradas de Galicia, tal e como xa fixo en anos anteriores para a materialización da “Estratexia de actuación nos Treitos de Concentración de Accidentes rexistrados no ano 2016”, redactada no marco do Plan de seguridade viaria de Galicia 2016-2020.
Estratexia de actuación en Treitos de Alto Potencial de Mellora 2022 (TAPM)
Por outro lado, a Axencia Galega de Infraestruturas conta tamén cunha “Estratexia de actuación en Treitos de Alto Potencial de Mellora 2022 (TAPM)”, que ten como obxectivo establecer para cada un deses treitos unha serie de actuacións de mellora da seguridade viaria para reducir os accidentes e as súas consecuencias.
A identificación dos Treitos de Alto Potencial de Mellora realizouse sobre a base da análise do número de accidentes con vítimas que se rexistraron nos 5 anos anteriores, e son aqueles treitos que no seu conxunto permitan acadar un 50% da redución potencial acumulada de custos da accidentalidade.
Logo de identificar os Treitos de Alto Potencial de Mellora, elaborouse a “Estratexia de actuación en Treitos de Alto Potencial de Mellora 2022 (TAPM)” que formula actuacións moi diversas, como melloras do firme, da sinalización e do balizamento, dos sistemas de contención, da iluminación, dos itinerarios peonís, das interseccións, medidas de calmado do tráfico e de acondicionamento de marxes. Adicionalmente, tamén se tivo en conta en cada treito se era, ademais, un treito de concentración de atropelos de animais, prevendo para eses casos unha partida para posibles medidas de mitigación dos accidentes coa fauna silvestre.