Estado de alarma: información relativa ao Real Decreto 463/2020, de 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19.
16/03/20

INFORMACIÓN IMPORTANTE

 

O Real Decreto 463/2020, de 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19 determina no seu artigo 7, relativo á limitación da liberdade de circulación das persoas, que durante a vixencia do estado de alarma as persoas unicamente poderán circular polas vías de uso público para determinadas actividades.

Neste sentido e salvo que o billete se adquira para a realización de calquera das anteditas actividades DESACONSÉLLASE VIAXAR AGÁS POR RAZÓNS INAPRAZABLES. En todo caso, en calquera desprazamento deberán respetarse as recomendacións e obrigas ditadas polas autoridades sanitarias.

Durante o período afectado polo estado de alarma a oferta de servizos de transporte verase reducida á necesaria para facilitar os desprazamentos motivados por razóns xustificadas. Para obter información dos servizos vixentes recoméndase establecer contacto directamente coas propias empresas de transporte encargadas da súa prestación.

Debido ao estado de alarma decretado para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, a Dirección Xeral de Mobilidade tomou a decisión de retrasar, ata o final deste período, a distribución anunciada da Tarxeta Metropolitana de Galicia e da Tarxeta Xente Nova na provincia de Ourense e na Área de Pontevedra.