Documentos do Plan de Transporte Público de Galicia

Ao abeiro do establecido no artigo 2 da Lei 10/2016, do 19 de xullo, de Medidas Urxentes para a Actualización do Sistema de Transporte Público de Galicia, a Administración Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia redactou o Plan de Transporte Público de Galicia para a actualización do sistema de transporte público da Comunidade Autónoma, que se configura como o instrumento mediante o que se establece a ordenación dos servizos de transporte público regular de competencia da Comunidade Autónoma, así como a coordinación do conxunto de servizos de transporte público que se desenvolvan no seu ámbito territorial.
 
Segundo o previsto na Lei 10/2016, o Plan de Transporte Público de Galicia concreta a rede de transporte público de Galicia da competencia da Xunta de Galicia, establecendo:

  • Os servizos e territorios potencialmente afectados polas futuras adxudicacións dos servizos.
  • Os tipos de adxudicación previstos para cada servizo.
  • Os supostos e as condicións de integración de servizos de transporte público regular de uso xeral e de uso especial.


Para iso, a partir do obxectivo xeral do Plan de Transporte Público de Galicia, que non é outro que acadar un modelo de transporte público por estrada sostible e eficiente, que se adapte mellor ás necesidades da cidadanía de Galicia, a través dos diferentes apartados que compoñen ese documento desenvólvense uns obxectivos máis específicos que, seguindo o indicado na Lei 10/2016, son os seguintes:

  • Facilitar a mobilidade das persoas en termos de igualdade, seguridade, calidade, eficiencia social e sostibilidade económico-financeira e medioambiental.
  • Fomentar e potenciar o uso prioritario do transporte público en calquera dos seus modos.
  • Facilitar a intermodalidade do servizo e a súa accesibilidade ás persoas, de xeito que se potencie a súa concepción como unha alternativa sostible fronte ao transporte particular e contribúa á vertebración territorial da Comunidade Autónoma.


Así, ao longo dos diferentes apartados que compoñen o documento, desenvólvese o contido do Plan de Transporte Público de Galicia, incluíndo, segundo ven recollido no Anexo da Lei 10/2016, os seguintes aspectos:

  • Desenvolvemento dos seus obxectivos.
  • Programación de licitación dos contratos de servizos públicos de transporte regular de uso xeral da titularidade da Xunta de Galicia.
  • Clases de transporte público que resultarán aplicables en cada ámbito territorial.
  • Modelos de xestión de servizos baixo demanda.
  • Requisitos básicos que deba cumprir a oferta de transporte público.
  • Normas de calidade.
  • Sistemas de tarificación.
  • Prioridades referentes á modernización do sistema de transporte.
  • Condicións básicas de dereitos e obrigas das persoas usuarias.
  • Procedemento de seguimento do cumprimento.


No documento tamén se resume a tramitación que se levou a cabo ata acadar a aprobación definitiva deste Plan de Transporte Público de Galicia, así como a que será necesaria para a aprobación dos Proxectos de Explotación a través dos que se desenvolverá posteriormente, definindo, de xeito simplificado, o contido destes últimos.

O documento propiamente dito iníciase cunha introdución na que se explican os motivos que implicaron a necesidade de desenvolver ese Plan de Transporte Público de Galicia, e, tras expor o obxecto e contido do documento, realízase unha exposición moi debullada do conxunto de antecedentes que levaron ata el e desenvólvense os seus obxectivos e liñas estratéxicas.

A continuación, faise unha análise da situación actual do sector, que ven condicionada fundamentalmente polo marco territorial e polas dinámicas demográficas da Comunidade Autónoma de Galicia. A conclusión desa análise, reproducida aquí de xeito resumido, é que a continua concentración da poboación en torno a un pequeno número de cidades, ao tempo que se produce un progresivo despoboamento das zonas interiores, provocan un dobre reto para o deseño dunha rede de transporte público eficaz, que responda ás necesidades da cidadanía, e que sexa eficiente no que á asignación dos recursos públicos se refire:

  • Por unha parte, nos ámbitos urbanos e metropolitanos, co aumento da poboación, aumenta tamén de xeito continuo a demanda de mobilidade entre os distintos concellos de cada ámbito e, especialmente, a de conexións de carácter radial entre o concello de cabeceira e os que o rodean. Esa demanda de mobilidade esixe, ademais, unha serie de estándares de oferta de servizos bastante elevados e esixentes, no que se refire, por exemplo, a capacidade, velocidade media operativa e frecuencias.
  • Por outra parte, nos ámbitos rurais, nos que se manteñen unhas demandas de mobilidade asociadas á necesidade de acudir a servizos que se prestan nas vilas intermedias ou nas cidades (servizos administrativos, sanitarios, educativos,...), tamén se pretende mellorar o servizo de transporte público, co fin último de fomentar as políticas de asentamento de poboación nos ámbitos rurais, para o que é imprescindible que se manteña unha oferta de transporte público atractiva, como unha obriga de servizo público e aínda que para iso, na maior parte dos casos, se requira dunha achega de recursos públicos. Dese xeito, preténdese contribuír a reverter a tendencia ao decaemento progresivo da poboación, e con el da demanda de mobilidade. É precisamente nestes ámbitos onde máis sentido ten a implantación de modelos de transporte innovadores, como poden ser o transporte integrado (ou, para ser máis precisos, a reserva de prazas para usuarios especiais, por parte das administracións correspondentes, en servizos de transporte regular de viaxeiros por estrada de uso xeral, tendo en conta, ademais, que, nos casos de reserva de prazas para escolares, garantirase a súa atención prioritaria, a súa máxima seguridade, prevendo a existencia da figura do acompañante, e a calidade nas condicións do seu transporte) ou o establecemento de servizos baixo demanda.


No documento tamén se fai unha análise tanto da rede de transportes sobre a que se desenvolve o sistema como do propio sistema actual de transporte regular de viaxeiros por estrada, analizando diferentes estatísticas deste.

Iso da lugar á desenvolvemento dos diferentes programas que compoñen o Plan de Transporte Público de Galicia, que son os seguintes:

  • Xerarquización do sistema.
  • Reordenación e mellora de liñas.
  • Integración de servizos.
  • Implantación de servizos baixo demanda.
  • Modernización do sistema de transportes.
  • Programa tarifario.
  • Programa social.
  • Programa de transporte metropolitano.
  • Programa de accesibilidade territorial.
  • Mellora da calidade do servizo.


Aínda que todos estes programas se desenvolven dun xeito completo ao longo deste documento, considérase adecuado poñer de manifesto a clara aposta que fai o Plan de Transporte Público de Galicia, derivada do propio conxunto dos seus obxectivos, polo fomento do transporte público como parte das políticas sociais da Xunta de Galicia e que, en consecuencia, materialízase nunha serie de aspectos que conforman o seu programa social, que se desenvolve a través de diferentes iniciativas.

Nese sentido, e en liña coa 11ª resolución aprobada polo Parlamento de Galicia, na súa sesión do día 9 de outubro de 2018, no marco do debate anual de política xeral, o Plan de Transporte Público de Galicia prevé unha atención prioritaria ao ámbito rural, garantindo a atención ás zonas con poboación máis dispersa, contando para iso coa colaboración dos concellos e as deputacións provinciais, permitindo a execución dunha serie de medidas como a implantación dunha área de transporte única que permita estender a toda Galicia os beneficios das tarxetas TMG e Xente Nova, ao tempo que se garante a prestación de servizos axeitados a cada zona, evitando a circulación de vehículos baleiros ao tempo que se atende ao maior territorio posible aproveitando os beneficios de novas modalidades como o transporte compartido ou o transporte baixo demanda, garantindo, neste último caso, un funcionamento do sistema acaído ao perfil e ás necesidades das súas persoas usuarias.

Para ter en conta o anterior, tramitouse posteriormente un Anexo ao Plan de Transporte Público de Galicia, co obxecto de definir cunha maior precisión o funcionamento da Área de Transporte de Galicia.

Outro dos eixos polos que se aposta como parte do programa social do Plan de Transporte Público de Galicia é o de garantir e mellorar as condicións de traballo no sector, a través de mecanismos como a obriga de subrogación do persoal ou a potencición da súa formación.
 
Tanto o documento base do Plan de Transporte Público de Galicia como o do seu Anexo para definir a Área de Transporte de Galicia foron sometidos a información pública por un prazo de 20 días hábiles e, logo da análise e resposta das alegacións recibidas e da incorporación dos cambios derivados daquelas alegacións que foron estimadas, foron sometidos ao informe do Consello Galego de Transportes, segundo o establecido no apartado 3 do artigo 2 da Lei 10/2016, do 19 de xullo, de Medidas Urxentes para a Actualización do Sistema de Transporte Público de Galicia. Ademais, tanto o Plan de Transporte Público de Galicia como o seu Anexo para definir a Área de Transporte de Galicia tamén foron sometidos ao informe da Dirección Xeral de Orzamentos e Planificación da Consellería de Facenda, ao abeiro do establecido no apartado 3 do artigo 12 da Lei 15/2010, do 28 de decembro, de Medidas Fiscais e Administrativas.
 
Finalmente, segundo o indicado no apartado 3 do artigo 2 da Lei 10/2016, do 19 de xullo, de Medidas Urxentes para a Actualización do Sistema de Transporte Público de Galicia, o Plan de Transporte Público de Galicia foi aprobado, logo de deliberación, polo Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do 29 de novembro de 2018.
 
Por outra parte, ao abeiro do mesmo precepto legal, o Anexo do Plan de Transporte Público de Galicia sobre a Área de Transporte de Galicia foi aprobado, logo de deliberación, polo Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do 25 de febreiro de 2021.

Documentos relacionados