Xestor/a de transporte (convocatoria 2024)

Ano da convocatoria: 2024

CONVOCATORIA DE EXAMES DE XESTOR/A DE TRANSPORTES 2024. Inscrición

Compártao :

Compartir
Data de actualización: 07 maio 2024

Ano da convocatoria: 2024

CONVOCATORIA DE EXAMES DE XESTOR/A DE TRANSPORTES 2024. Inscrición

Convócanse, para o ano 2024, as probas de constatación da competencia profesional para o desempeño das funcións de xestor/a de transporte en empresas de transporte por estrada, tanto na súa modalidade de mercadorías como na de viaxeiros/as, que terán lugar na Comunidade Autónoma de Galicia de acordo co calendario e demais condicións previstas na Resolución do 9 de novembro de 2023, da Dirección Xeral de Mobilidade.

Na convocatoria para este ano 2024 ábrense tres períodos de inscrición:

  • Primeiro período: as solicitudes presentaranse entre o 21 de novembro de 2023 e o 31 de xaneiro de 2024.
  • Segundo período: as solicitudes presentaranse entre o 1 de febreiro e o de 1 de maio de 2024.
  • Terceiro período: as solicitudes presentaranse entre o 2 de maio e o 1 de setembro de 2024.

Prevese que as probas se realicen:

  • Entre o 1 de febreiro e 30 de abril, para as solicitudes que se presenten no primeiro período. 
  • Entre o 2 de maio e o 31 de agosto, para as solicitudes que se presenten no segundo período. Previsiblemente os exames realizaranse entre o 17 de xuño e o 10 de xullo de 2024.
  • Entre o 2 de setembro e o 31 de decembro, para as solicitudes que se presenten no terceiro período.

A orde de chamamento realizarase de forma análoga ao disposto na Resolución, do 31 de xaneiro de 2024, pola que se fai público o resultado do sorteo ao que se refire o Regulamento de selección de persoal da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 29, do 9 de febreiro), polo que a orde de chamamento comezará por aquelas persoas cuxo primeiro apelido comece pola letra “H”.

As persoas inscritas convocaranse con polo menos 10 días naturais de antelación á celebración dos exames. As persoas interesadas poden concorrer indistintamente a cada un dos tres períodos.

As persoas aspirantes que cumpran os requisitos para acceder ás probas, fixados no punto 3 da Resolución do 9 de novembro de 2023, poderán presentarse á modalidade de xestor/a de transporte para empresas de transporte de mercadorías por estrada e á de xestor/a de transporte para empresas de transporte de viaxeiros/as por estrada, ou só a unha delas.

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, no procedemento IF312A.

As persoas interesadas deberán axuntar coa solicitude a seguinte documentación:

  • a) Documentación xustificativa do pagamento das taxas administrativas devindicadas pola tramitación da solicitude, agás que sexa aplicable algunha exención legal (código da taxa 31 01 20).
  • b) Documentación xustificativa de padecer unha discapacidade no caso de que o órgano que recoñece a discapacidade non dependa da Xunta de Galicia.

O ingreso da/s taxa/s deberá facerse en liña, a través da Oficina Virtual Tributaria dispoñible na web da Consellería de Facenda, indicando para o efecto os seguintes códigos:

  • Consellería de: Infraestruturas e Mobilidade: código 06
  • Delegación de: Servizos centrais: código 13
  • Servizo de: Mobilidade: código 02
  • Denominación: Inscrición nas probas para a obtención da competencia profesional para a actividade de transporte: código 31.01.20
  • Importe da taxa para o ano 2023: 27,31 €

As persoas que resulten definitivamente excluídas para realizar as probas poderán solicitar a devolución da taxa aboada por medios electrónicos, a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, no procedemento IF312B.

A devolución deberá solicitarse:

  • Se resulta excluído da realización das probas do primeiro período, deberá solicitar a devolución do importe entre o día 2 e o 31 de maio de 2024
  • Se resulta excluído da realización das probas do segundo período, deberá solicitar a devolución do importe entre o día 2 e o 30 de setembro de 2024
  • Se resulta excluído da realización das probas do terceiro período, deberá solicitar a devolución do importe entre o día 1 e o 31 de xaneiro de 2025

Contactos relacionados

  • Teléfono de información

    Teléfono: 881 995 053