Estratexia Galega de Mobilidade

Compártao :

Compartir

Que é a Estratexia Galega de Mobilidade?

A Estratexia Galega de Mobilidade, EGM, é unha ferramenta para a coordinación das políticas públicas en materia de mobilidade en Galicia elaborada pola Xunta de Galicia para dar resposta ás principais problemáticas detectadas tras unha análise pormenorizada da mobilidade da poboación galega.

É un instrumento que permite saber que debemos mellorar e como será a mellor forma de facelo, para garantirlle aos galegos e galegas un deseño de solucións de mobilidade adaptado ás súas necesidades de desprazamento, e que establece as bases para as futuras actuacións en materia de infraestruturas, transportes e mobilidade que a Xunta de Galicia ten previsto desenvolver nos vindeiros anos.

A meta da EGM é transformar o modelo de mobilidade en Galicia co obxectivo de pasar a un máis funcional, máis sostible medioambiental e economicamente e máis seguro, apoiándose para iso na innovación tecnolóxica. Para iso, a EGM propón un novo modelo de mobilidade sostible que busca garantir un equilibrio entre as necesidades de mobilidade, o benestar social e a mellora medio ambiental en Galicia, todo elo no contexto da loita contra o cambio climático e de acordo coa Estratexia Galega de Cambio Climático e Enerxía 2050, coas actuacións contempladas no actual marco estratéxico de clima e enerxía da Unión Europea para 2030 e cos compromisos contraídos no Acordo de París de 2015.

Este modelo de mobilidade definido para Galicia traslada a coñecida pirámide invertida da mobilidade a unha escala maior na que se identifican os modos de transporte óptimos para cada tipo de viaxe.

Na Comunidade galega, que conta cunhas características xeográficas tan diversas, cada persoa ten unhas necesidades únicas, polo que o novo modelo proposto atende tanto a poboación urbana como a rural.  

 pirámide da mobilidade sostible

Así, este novo modelo baséase no establecemento das seguintes prioridades:

  • Reducir a necesidade de desprazamentos, reducir distancias, reducir emisións.
  • De forma transversal, tamén se pretende lograr unha mobilidade que atenda á Visión Zero en sinistralidade, o que se traduce en garantir un sistema de transporte seguro en todos os seus modos.   

 novo modelo de mobilidade proposto para Galicia

Este novo modelo está baseado nunha mobilidade de baixas emisións, en promover o transporte público, a intermodalidade e os desprazamentos non motorizados dunha maneira efectiva, como parte da loita contra o cambio climático, e formula a consecución duns obxectivos globais que permitirán a implantación das medidas que a Estratexia Galega de Mobilidade propón alcanzar ata 2050, e que serán revisados gradualmente.

obxectivos globais 2050

Documentos que integran a EGM

Os documentos e ferramentas que conforman a Estratexia Galega de Mobilidade son os seguintes:

  • Unha memoria, na que se analiza a situación actual da mobilidade en Galicia, realízase un diagnóstico da mobilidade, se definen a meta e obxectivos da EGM e se enuncian as actuacións propostas para desenvolver a EGM.
  • Un documento resumo moi breve dos aspectos mais salientables da EGM.
  • Tres documentos nos que se desenvolven de xeito pormenorizado os resultados da EGM:
    • Documento 1: "Información e análise da mobilidade", no que se estudan os datos de partida (condicións físicas e ambientais, condicións socioeconómicas, equipamentos, seguridade viaria...) e se realiza unha análise da situación actual do sistema de transportes, da mobilidade e das emisións de gases de efecto invernadoiro.
    • Documento 2: "Diagnóstico, obxectivos e liñas estratéxicas", no que se realiza unha análise DAFO das debilidades, amenazas, fortalezas e oportunidades da situación actual da mobilidade en Galicia; se explican a meta e os obxectivos da EGM, así como os eixos, e programas nos que se desenvolverán as actuacións que se propoñen.
    • Documento 3: "Plan de Acción", que inclúe unha ficha descritiva e explicativa de cada unha das actuacións propostas para desenvolver a EGM.
  • Modelo de transporte: elaborouse un modelo de transporte de toda a Comunidade Autónoma de Galicia que permitirá avaliar o impacto das actuacións en materia de estradas que se pretendan acometer nos próximos anos sobre a mobilidade e o tráfico. Consiste nun modelo de 4 etapas (xeración e atracción de viaxes, distribución, partición modal e asignación), exclusivo para Galicia que permite:
    • Predicir o comportamento futuro da mobilidade (prognoses). 
    • Estimar a resposta das persoas en distintos escenarios relacionados coa oferta de transporte, infraestruturas e/ou servizos.

Nas seguintes ligazóns poden obter información sobre o proceso seguido para a redacción da EGM, así coma dos eixos estratéxicos e obxectivos nos que se basea e do conxunto de plans e actuacións que propón para a implantación do novo modelo de mobilidade en Galicia:

 

Documentos relacionados